CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS-PG presentaron a nova edición do Correlingua, que baixo o lema A mocidade activa por unha lingua viva percorrerá once localidades galegas entre os días 6 e 29 de maio de 2025. Igual ca en pasadas edicións, ademais da propia carreira, o programa inclúe unha regueifa colectiva, obradoiros de escrita creativa e dous concursos: crealingua (concurso libre de creación artística en galego) e cantalingua (concurso de música en galego).
Correlingua é unha iniciativa de normalización lingüística con 25 anos de historia, que ten como obxectivo sensibilizar a sociedade, nomeadamente a poboación infantil e moza, sobre a importancia de defender os nosos dereitos lingüísticos a través de actividades colectivas e lúdicas.